O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago, celebrará os vindeiros días 23 e 24 de febreiro a súa sexta edición para conmemorar o 187º nacemento da escritora Rosalía de Castro. O programa deste 2024, que terá na compostelá praza de Mazarelos o seu epicentro, desenvolverase baixo o lema 'Un grande atrevemento' e conxugará poesía, escena, música, artesanía e narración oral para celebrar a potencia creadora na nosa lingua. En total, o Festival Rosalía ofrecerá unha quincena de actividades repartidas entre o venres 23 e o sábado 24 de febreiro. O programa inclúe un recital, a presentación de libros, un pasarrúas escénico, varios concertos, un concurso colectivo de coñecemento sobre Rosalía ou mesmo unha feira artesá.O concerto de Loita Amada, o pasarrúas rosaliano dos Quinquilláns, o proxecto Indóciles ao redor da obra de Luísa Villalta ou o recital organizado pola editora Chan da Pólvora son algúns dos pratos fortes da edición deste 2024.