O II Festival Rosalía chega a Compostela o 29 de setembro

Obradoiros, danza, música e feira fan parte do programa

Está xa na rede o programa do II Festival Rosalía, o evento que organiza a Deputación da Coruña en homenaxe á poeta de Padrón. Ao igual que o pasado ano será a Praza de Cervantes, en Compostela, a base da celebración que se desenvolverá o vindeiro 29 de setembro. Para alén da Feira Rosalía, con produtos inspirados na autora e no seu traballo, as actividades inclúen pasarrúas teatralizados, a realización dun graffiti, obradoiros de rap, actuacións de danza ou concertos. Os Quinquilláns Teatro, ánxela Blanco, Mónica de Nut, Uxía senlle, Son Trío e O Val das Mouras son algúns dos nomes que participarán no encontro, que se desenvolverá a partir das 11 da mañá e ao longo de toda a xornada.