O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, celebrará entre os días 21 e 22 de febreiro a súa oitava edición para conmemorar o 189º nacemento da autora de 'Cantares gallegos'. Neste 2026, o programa terá un ano máis como centro neurálxico a praza de Mazarelos, aínda que tamén se estenderá até o Teatro Principal e o Colexio Maior de Santo Agostiño. Haberá feira de produtos rosalianos con actuacións musicais, teatro, e obradoiros.
A programación arrancará o sábado 21 de febreiro ás 11.00 horas na Praza de Mazarelos e reunirá en Santiago durante a fin de semana a actrices como Mónica Caamaño e Isabel Risco, ilusionistas como o Mago Teto, grupos escénicos como As Teimas e Os Quinquilláns ou as voces como Blues do País, Loita Amada, Faia Díaz, Inés Salvado, Uxía ou Javier Ruibal e Marcos Teira.
O Festival Rosalía e o Festival Atlántica colaboran nesta edición a través dun dos pratos fortes do cartel deste 2026: 'Contoesías: Contos e poesías'. Este proxecto colaborativo e aberto xunta a Dores Tembrás, Yamini T. Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza. Terá lugar o sábado ás 18.00 h. en Mazarelos. Un pouco antes, ás 16.45, a praza acollerá Chan da Pólvora. Unha década de poesía necesaria, unha celebración dos dez anos que fai o selo editorial. Ao redor desta conmemoración, reuniranse Antón Lopo, Manuel Martínez, Luís López Alonso, Ana Romaní, Paula Luís, Andrea Nunes e Nuria Vil.
A escena terá un ano máis un lugar destacado no cartel do Festival Rosalía. Os Quinquilláns ofrecerán un paseo teatral polos espazos de Rosalía. A camiñada, que parte o sábado ás 11.30 horas de Mazarelos. Xa pola tarde, ás 19.30 h, na mesma praza, chegaralle a quenda ao espectáculo Improsalías, unha peza de improvisación, música, humor e poesía que ofrecerán os grupos As Teimas e TheMomento. Xa o domingo, ás 11.15 horas, Producións Dispersas ofrecerá a intervención teatralizada Sempre Rosalía. Ás 13.00 horas, actuará a actriz Mónica Caamaño con Da voz de Morgana, unha aproximación escénica á escrita de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. Nesta peza a actriz ofrécenos o debuxo da Muller que non foi relatado por cronistas e fabuladores. Ofrécenos, en definitiva, a historia de Morgana contada na súa propia voz.



