O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá o vindeiro venres, 16 de febreiro, a estrea de NOSO, a nova peza teatral da compañía coruñesa Os Náufragos Teatro. Unha obra ambientada nas mobilizacións do rural contra os parques eólicos que viaxa ao corazón dunha familia que explora as relacións entre irmáns, os conflitos interxeracionais e a necesidade de reconciliación co pasado e o futuro. Gustavo del Río é o responsable da dramaturxia e dirixe un elenco conformado por María Roja, Daniel Otero, Rebeca Vecino, Jimmy Núñez e Sete Eiroa. A historia de NOSO desenvólvese nun vello ultramarinos-bar que foi punto de encontro habitual da veciñanza dunha pequena aldea galega. Hoxe, ese lugar vese afectado ambiental e patrimonialmente polo imparable avance dun parque eólico e, baixo a sombra desta ameaza, a peza mergúllase nunha historia familiar que examina as consecuencias que tomamos nas xeracións futuras. NOSO é unha "dramedia" familiar, segundo explica a compañía coruñesa, "que contrapón a irrealidade das lembranzas do pasado cos conflitos do presente e co peso permanente dos lazos familiares". O emblemático teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a estrea absoluta desta peza, que se exhibirá ao público o venres 16 e o sábado 17 de febreiro, ás 20:30 horas. A xira de NOSO seguirá no Teatro Principal de Santiago de Compostela o 23 de febreiro, na Sala Ártika de Vigo os días 22, 23 e 24 de marzo, e no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo o 18 de abril.