A RAGBA concede a Medalla de Prata 'Marcial del Adalid' a José Manuel Couce Fraguela

Foi director durante 35 anos da rondalla do Club de Campo de Ferrol

A Real Academia Galega de Belas Artes ven de decidir outorgar a Medalla de Prata 'Marcial del Adalid' ao ferrolán José Manuel Couce Fraguela (Esteiro, Ferrol, 1946). A RAGBA acordou esta designación a instancia do Club de Campo de Ferrol tras o pertinente informe levado a cabo polos académicos da Sección de Música.

Nunha sesión celebrada o pasado 16 de decembro a academia decidiu outorgarlle a Couce Fraguela esta distinción reservada para personalidades destacadas no campo da música non profesional e para agrupacións musicais. Segundo consta nas súas bases a Medalla de Prata "Marcial del Adalid" será concedida en casos de extraordinario mérito a aquelas personalidades destacadas no campo musical, así como a corais, bandas, orquestras e agrupacións non profesionais que, de xeito notorio, contribúan ao auxe e esplendor artístico musical de Galicia, cunha consolidada traxectoria histórica e unha recoñecible calidade artística. Couce Fraguela, que como músico foi integrante da orquestra Los Players, dirixiu durante 35 anos a rondalla do Club de Campo de Ferrol, unha formación que representa unha expresión musical popular moi característica e arraigada de Ferrol e a súa comarca.