A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) acordou incorporar á violonchelista e cantante Rosa Cedrón ( Monforte de Lemos, 1972) como académica de número electa da Sección de Música da Institución, cubrindo a praza, polo seu pasamento, do pianista don Ramón Castromil Ventureira. A proposta de Cedrón foi presentada ante a Academia polos académicos Alejo Amoedo, Juan Durán e Jose Carlos Valle e votada e ratificada na Sede da Real Academia Galega de Belas Artes en sesión de 27 de abril. Cedrón deuse a coñecer ante o gran público formando parte de Luar na Lubre, formación da que foi voz principal entre 1996 e 2005, comezando en 2007 unha carreira en solitario ademais de varias colaboracións con outros artistas. Titulada superior en violoncello, foi membro de importantes agrupacións sinfónicas galegas e profesora de conservatorio. Tal e como lembra a RAGBA, o éxito acadado na súa traxectoria como cantante, fixo dela unha artista moi popular entre os públicos máis diversos. Muller polifacética e versátil, posúe numerosos e importantes premios que acreditan unha carreira profesional de máis de vinte anos que sempre mantivo o seu firme compromiso coa música galega.