Abraham Cupeiro presenta 'Mythos' con xira en Galicia

O terceiro disco do músico sarriao ofrece unha viaxe polas lendas do mundo antigo

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Abraham Cupeiro presenta 'Mythos' con xira en Galicia

Hoxe sae á luz nas plataformas dixitais o novo traballo discográfico de Abraham Cupeiro, 'Mythos' (Loira records). No disco o músico, investigador e multiinstrumentista de Sarria (1980) presenta oito novas composicións propias baseadas, como o seu título indica en mitos e lendas das culturas de Grecia, Roma ou a India, o que supón neste caso unha nova viaxe musical a través da historia da humanidade. Este é o terceiro traballo discográfico de Cupeiro tras aquel revelador 'Os sons Esquecidos' (Warner, 2017) e o globalista 'Pangea' (Warner, 2020) e de novo o compositor volve facer equipa con formacións sinfónicas de alto nivel para ofrecer as súas composicións ou interpretacións nas que incorpora sons ancestrais a través mesmo da recuperacións de instrumentos antigos. Neste caso o disco gravouse nuns estudios que tampouco están desprovisto de carga mística, como son os de Abbey Road en Londres, e o lugués acompañouse da Royal Philarmonic Orchestra para a gravación, ao igual que xa fixera co seu segundo traballo.

O músico xa estreou a xira de 'Mythos' antes da saída do disco o pasado 1 de febreiro en Ferrol acompañándose da Orquestra Gaos, e agora haberá que agardar ata o vindeiro 1 de marzo para volver ver 'Mythos' en directo en Galicia. O Auditorio Municipal de Ourense será esa primeira parada, mentres que o día 2 estará no Auditorio de Galicia en Santiago e chegará a Lugo o 22 de marzo, ao Auditorio Municipal Gustavo Freire. Xa están á venda as entradas. Cupeiro tamén manten en xira os seus anteriores espectáculos 'Resoando no pasado' e Pangea. O vindeiro 16 de febreiro o músico participará no espectáculo NEKYiA na Sala das Musas do Museo do Prado, como intérprete con instrumentos recreados por el mesmo para ese proxecto.

Que che parece esta nova?
99 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Sarria, Grecia, Roma, Londres...