Abraham Cupeiro fai un retrato sonoro do planeta coas músicas ancestrais en 'Pangea'

O músico e recuperador de instrumentos esquecidos acompáñase da Royal Philarmonic Orchestra no seu novo disco

Abraham Cupeiro (Sarria, 1980) é un músico coñecido pola súa faceta coma recuperador de instrumentos e sons ancestrais, practicamente esquecidos, facendo confluír arqueoloxía e musicoloxía a través da súa investigación. O investigador e multiinstrumentista ven de presentar agora un novo disco de alcance universal, Pangea (Warner M;usic, 2020) gravado nos estudos de Abbey Road (Londres) en compañía da Royal Philarmonic Orchestra. Pangea é o segundo disco de Cupeiro tras Os sons esquecidos (Warner Music, 2017) un traballo de recuperación tamén de instrumentos e sons para o que contara coa Real Filarmonía de Galicia. En Pangea Cupeiro ofrece a través de composicións propias del e de María Ruíz unha viaxe polo planeta non só xeográfica senón tamén temporal grazas á recuperación de sons e instrumentos propios de moitas zonas do mundo ao longo da historia. Cupeiro usa dos sons das caracolas para achegarnos a Oceanía, o instrumento chinés Hulusi para subirnos ás montañas dese país, cornas de pastor, gaitas búlgaras, frautas africanas e unha longa listaxe que acaba por facer un percorrido global de melodías nun só disco, que coma o suposto continente orixinario Pangea, reúne todas as terras do planeta nun ente único.

Nove dos dez cortes deste traballo levan coma título o dun continente ou un país en clara referencia aos sons indetificadores sobre os que se basea e os instrumentos a usar. Así Oceanía abre un disco que inclúe China, Norteamérica, Sudamérica, África, Arabia, Armenia, Bulgaria e Costa Atlántica, onde o músico se achega máis ás raíces ancestrais da música do noso país. O tema Lamento pecha o album. Antes do confinamento Cupeiro xa presentou este traballo nunha xira por teatro de toda España acompañado de banda ou formación clásica. Este domingo, 11 de outubro, ás 12 horas o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela acollerá un concerto de presentación de Pangea co acompañamento da Banda de Müsica de Santiago.É de agardar que pronto haxa novas datas xa que o disco está á venda desde o pasado mes de setembro.