Elefante Elegante e Nauta teatro levan espectáculos á feira FETEN

Son as dúas presenzas da escena galega neste encontro internacional de teatro familiar

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Kyoki  © Vanessa Rabade

Kyoki © Vanessa Rabade

A escena galega estará presente este ano na XXXIIIª Feira Internacional de Artes escénicas para Niños, Niñas y Familias de Xixón, coñecida como FETEN, na que participan cos seus espectáculos máis de 70 compañías. Entre o catálogo composto por espectáculos de case todas as comunidades do Estado e de outros países como Alemaña, México, Portugal ou Bélxica, están este ano dúas compañías galegas que levan a este importante foro outros tantos espctáculos para público familiar. A primeira en amosar o seu traballo será Elefante Elegante, que o día 29 deste mes levará en dúas sesións a montaxe 'Kyoki' ao Centro Cultural Antiguo Instituto da cidade asturiana. Os teatro galego de monicreques estará tamén nesta feira, grazas á compañía Nauta Teatro, que o día 1 de marzo porán en escena na Laboral o seu espectáculo 'Gaia Baba, la meiga'. A feira acollerá tamén a presentación do ciclo Camiño Escena Norte, que fará balance da súa pasada edición e avanzará programa para a deste ano.

Elefante Elegante xa presentou o espectáculo 'Kyoki' na pasada X Galicia Escena Pro. A montaxe, dirixida a público de máis de 5 anos, está baseada no teatro de xestualidade e incide sobre a enfermidade mental relacionada coa perda de memoria, xa que 'Kyoki' significa 'demencia' en xaponés. María Torres e Gonçalo Guerreiro son os creadores desta obra que retrata un deses días catastróficos nos que unha persoa pode esquecer case calquera cousa, máis é tamén unha homenaxe a todas as persoas maiores que asisten cada día ó proceso implacable do declive das súas capacidades vitais. Sobre a escena María Torres e Mario Rodríguez levan o peso da interpretación. Pola súa banda a proposta de Nauta Teatro, 'Gaia Baba, la meiga' usa das máscaras e monicreques para reflexionar sobre o coidado do medio ambiente.

Que che parece esta nova?
50 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Espectáculo, Feira, Elefante Elegante...