A AGPXC e a AGEM reclaman ás administracións que paguen en prazo

A asociación de Xestión Cultural e a de Empresas Musicais sinalan que os atrasos poñen en perigo a actividade de moitas firmas

Nun comunicado conxunto emitido este 24 de xaneiro, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e AGEM, Asociación Galega de Empresas Musicais, reclámanlle ás administracións que cumpran os prazos legais para o pago de facturas e de subvencións. Segundo os colectivos, estas demoras poñen en risco a viabilidade e a calidade do traballo de moitas entidades do sector e obrigan a un endebedamento difícil de sustentar.

Segundo sinalan as dúas entidades, "o feito de que un número elevado de contratacións no sector sexan durante o período de xullo, agosto e setembro ten provocado que no momento de pago de impostos do terceiro trimestre e tamén do cuarto trimestre que se está a pagar estes días de xaneiro, as nosas asociacións recibisen queixas dun número significativo de empresas e profesionais que teñen serias dificultades para afrontar os pagamentos" á Seguridade Social ou á Axencia Tributaria por mor de traballos sen cobrar.

Deste xeito, segundo denuncian os colectivos, no sector é común "recorrer a préstamos de entidades bancarias ou persoas do seu entorno para facer fronte a pagos a outras administracións do Estado". Estes pagos, segundo apunta o comunicado, son un requisito imprescindible para non quedar fóra de futuras contratacións".

O comunicado apunta que esteas demoras provocan un "efecto dominó no sector. Se unha empresa non cobra a tempo é moi probable que a parte artística tamén se vexa afectada e así unha longa cadea de profesionais que están conectados". E poñen como exemplo "o feito de que ata decembro de 2023 non se cobrasen subvencións correspondentes ao exercicio 2022, xustificadas meses atrás, é outra anomalía que afecta ao día a día de entidades con e sen ánimo de lucro que en ocasións non teñen outra opción que avalar con fondos propios operacións crediticias para non cesar a súa actividade e pagar ao seu persoal e provedores".

Canda a isto, os colectivos reclaman "unha formación específica para as contratacións do sector cultural do persoal administrativo e de intervención das administracións públicas" para evitar casos como "que alguén presenta unha idea innovadora ou singular que ten rexistrada e a administración receptora pretenda sacar a concurso público esa idea e que calquera que o desexe poda presentarse para executala".