Ao pouco de conmemorarse o cincuenta aniversario do pasamento de Urbano Lugrís (A Coruña, 1908 - Vigo, 1973), a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedica hoxe unha xornada do ciclo 'Revisando a nosa arte' a profundar na súa traxectoria artística e vital. A cita desenvolverase de xeito presencial na sede institucional do CCG, pero tamén poderá seguirse en directo a través do web e as redes sociais ás 17:00 horas.
A sesión, coordinada por Ramón Rozas, contará coas intervencións de tres recoñecidos profesionais de diferentes ámbitos da creación e o estudo artístico que traballaron, ao longo das súas traxectorias profesionais, coa figura de Urbano Lugrís. Abrirá a sesión o escritor Luís Rei, autor da novela 'O señor Lugrís e a negra sombra'. Farao co relatorio "Polisón en barcos inexistentes", no que achegará os aspectos máis relevantes da biografía do pintor. A continuación intervirá o artista visual Antón Patiño, quen coincidiu con Lugrís nos seus últimos anos de vida na cidade de Vigo, para analizar o aspecto plástico e creativo da súa pintura. Ambos os relatores participarán na mesa redonda "Urbano Lugrís. Auga e soño", á que se sumará Rosario Sarmiento, xestora cultural e comisaria, xunto con Patiño, da primeira grande exposición que reivindicou o legado do pintor coruñés tras anos de esquecemento e que foi inaugurada en 1997 no Círculo de Bellas Artes de Madrid.
Actualización: Xornada completa 'Auga e Sono'
Actualización: Xornada completa 'Auga e Sono'

