Comezan as actividades do Día da Ilustración dedicado a Chichi Campos

Proxeccións de documentais, obradoiros ou unha exposición na Biblioteca de Galicia fan parte do programa

Cartel do Día da Ilustración 2024, realizado por Rebeca Varela
Cartel do Día da Ilustración 2024, realizado por Rebeca Varela
Unha exposición bibliográfica sobre o autor na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago abre este 22 de xaneiro as actividades do Día da Ilustración dedicado a Chichi Campos. O centro acollía o día 18 a presentación do programa que homenaxea o autor de banda deseñada, escritor, guionista e humorista gráfico. A Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración organizan esta efeméride para reivindicar os nomes máis destacados da ilustración do noso país cada 30 de xaneiro.

Nas propostas para este ano destaca a exposición Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante que se poderá ver entre o 30 de xaneiro e o 12 de maio na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. A proposta recolle pezas de nomes actuais do humor gráfico e a BD galega como Leandro Barea, Iván Mourente ou Idoia de Luxán. Ademais, o centro da Cidade da Cultura celebrará o obradoiro Retrato creativo de Chichi Campos este 27 de xaneiro.

Canda a isto, poderá verse o documental Chichi e mais eu, realizado polo fillo do homenaxeado, Nico Campos, nas bibliotecas da Coruña (día 29), Pontevedra (30), Vigo (29 e 30), na Biblioteca de Galicia (2 de febreiro) e na Ánxel Casal (14 de febreiro).

Unha mostra bibliográfica na biblioteca da Coruña (do 31 de xaneiro ao 13 de febreiro), un punto de información sobre o autor en Ourense e as exposicións Chichi Campos: elegante can sen dono e Novas ilustradoras galegas na biblioteca Juan Compañel de Vigo son tamén parte das homenaxes, que se completan con diferentes obradoiros de ilustración, como Ilustrar sen dono, no que se repasa a biografía do autor, canda a outros dedicados á caligrafía ou propostas de contacontos en espazos bibliotecarios do país.

Tamén as escolas de Arte súmanse a efeméride a acoller obradoiros sobre libro obxecto na da Coruña, autoedición na de Lugo e a conferencia Chichi campos e a importancia da autoedición durante o franquismo da man de Nico Campos o 30 de xaneiro. Rebeca Varela correu co cartel que celebra esta edición do Día da Ilustración.