Montse Fajardo
A xornalista Montse Fajardo fíxose co premio SELIC de creación literaria 2023 coa obra "Onde habita a tolemia", un ensaio no que a autora "visibiliza a enfermidade mental e a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas nunha historia ambientada nunha institución mental de Santiago". Esta institución é o sanatorio psiquiátrico de Conxo. O xurado estivo composto por Margarita Tojo González, Manuel Carlos Núñez Singala, María do Carme Varela Rodríguez, Bieito Iglesias Araujo e Carlos Valdés García, e o técnico cultural do concello Xesús Amado, en calidade de secretario. Os integrantes valoraron a "capacidade da autora para deixar entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra e narra historias de vida emocionantes cunha polifonía de voces". A obra recibirá un premio de 6.000 euros e a publicación na colección SELIC do concello de Santiago, editada por Edicións Positivas.



