O VIº Premio SELIC de creación literaria na modalidade de teatro, que parte da Semana da lectura de Santiago de Compostela, ven de outorgárselle a Carme Varela (A Baña, 1970) pola súa obra 'Faise o escuro'. Purificación Cabido Pérez recibiu un accésit pola obra 'Areanegra na Casa Encantada' na categoría de ensaio. O fallo do xurado sinala que concedeu o premio a 'Faise o escuro' "pola fluidez, o ritmo da peza, a fondura emocional e psicolóxica da construción dos personaxes femininos e a súa relación, orgánica e non só incidental, coa cidade de Compostela", e tamén destacou da obra a súa capacidade de romper "a cuarta parede e outros recursos metateatrais ao servizo dunha estrutura ben conseguida". Así o indicou a concelleira da área de cultura de Santiago, Mercedes Rosón, como portavoz do xurado no acto de entrega. Segundo o xurado, concedeuse o accésit á obra 'Areanegra na Casa Encantada' por ser "unha crónica persoal de grande interese divulgativo". A obra relata a experiencia do colectivo Areanegra tras o afundimento do Prestige, "unha loita que nace das marxes para converterse nun fito social do asociacionismo na nosa historia próxima". O Premio SELIC ten unha dotación de 6000 euros e de 1500 para o accésit, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
As autoras premiadas
Carme Varela é licenciada en Filoloxía Galega e máster en Xestión cultural pola Universidade de Barcelona. A súa conexión co teatro comeza na época de estudante no grupo universitario EIS e na compañía Os Quinquilláns. Traballou como secretaria técnica da Fundación Castelao e no campo da produción e distribución teatral coas compañías Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Foi directora de produción no Centro Dramático Galego e dende o ano 2007 está ligada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia. O seu primeiro texto teatral 'As desterradas' recibiu o XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais (edición 2020). Pola súa banda Purificación Cabido é Licenciada en Filoloxía Francesa e Filoloxía Galego-Portuguesa e catedrática de lingua e literatura francesa no IES de Cacheiras. Ademais, traduciu ao galego o libro de Hélène Cixous 'La prise de lécole de Madhubai' e ten publicado algúns artigos en revistas de innovación educativa ou feministas.