Zas presenta unha web para dar proxección a Enrique Labarta Pose

O Concello irá aumentando a presión para que a RAG conceda un Día das Letras Galegas ao escritor e xornalista baiés

Enrique Labarta Pose, sobre 1925
Enrique Labarta Pose, sobre 1925
A Enrique Labarta Pose (Baio, 1863-Barcelona, 1925) chegaron a denominalo como o "Quevedo Galego" ou o "Príncipe do Parnaso Galego" en publicacións periodísticas da súa época. Esta e outras moitas informacións sobre o escritor. Xornalista e escritor aparecen recollidas no sitio web dedicado á súa vida e obra que ven de presentar o Concello de Zas, ao que pertence o lugar natal do escritor. O sitio web é unha das accións levadas a cabo polo consistorio, destinadas a acadar que a Real Academia Galega lle dedique un Día das Letras galegas ao escritor, razón pola cal o concello e Editorial galaxia veñen de pechar un acordo para levar a cabo unha edición antolóxica de obra de Labarta Pose.

O Concello de Zas creou tamén unha Comisión Labarta Pose con este obxectivo de dar maior difusión á figura e obra do escritor. No acto de presentación da páxina web, Jorge Mira, como portavoz desta Comisión adiantou que nos próximos meses intensificarase a "presión" ante a RAG co fin de que lle dea a súa merecida homenaxe ao escritor baiés e teña o seu propio día das Letras Galegas. Curiosamente, Labarta Pose foi proposto para ser académico de número na Real Academia Galega no ano 1920. Entre a súa numerosa produción como escritor e xornalista deixou obras en defensa da lingua, das mulleres e de amor pola súa terra como son "¡Que me enterren aló!", "¡Non falés o Gallego!" e "Defensa das Mulleres". No caso da web pode consultarse nela información sobre a súa vida, as súas publicacións periodísticas e literarias, os seus premios, as súas pegadas, o roteiro literario incluído no proxecto 'Roteiros da Cultura Galega' do Consello da Cultura Galega e consultar a exposición itinerante sobre Labarta e que actualmente está no Centro Sociocultural de Baio. Ademais, a web dispón dunha apartado de novas no que están publicadas diferentes novas sobre relacionadas con Labarta e unha liña temporal.