A RAG escolle este 20 de xuño a quen lle dedica o Día das Letras 2026

Labarta Pose, González Garcés, Antón Tovar e Begoña Caamaño optan á elección

Con catro candidaturas sobre a mesa, o pleno da Real Academia Galega escollerá este venres 20 de xuño a quen lle dedica o Día das Letras Galegas de 2026. Segundo informa institución, os membros da entidade deberán escoller entre Enrique Labarta Pose (1863-1925), Miguel González Garcés (1916-1989), Antón Tovar (1921-2004) e Begoña Caamaño (1964-2014).

O nome de Labarta Pose leva anos a ser reivindicado desde diferentes colectivos da Costa da Morte para esta homenaxe, cunha multiplicación de actividades e publicacións que procuran difundir esta figura. Ao igual que el, xa estivo nas candidaturas para 2025 o poeta e investigador Miguel González Garcés, promovido fundamentalmente pola súa familia.

As dúas propostas que entraron este ano en liza foron as de Antón Tovar, que foi membro correspondente de honorario da RAG, e a quen amosaron o seu apoio entidades como o Museo da Limia, e mais a de Begoña Caamaño, cuxo labor está a ser recoñecido en diferentes foros e dá nome aos premios culturais pola igualdade da Deputación da Coruña.

Segundo indica a normativa, a persoa que se seleccione debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". A persoa escolleita debe ter morto cando menos dez anos antes de ser proposto, e a súa candidatura debe estar avalada por un mínimo de tres membros de número da Academia.