Zas homenaxea a Labarta Pose no centenario do seu pasamento

Descóbrese un monumento e faise un simbólico enterro de cinzas

Descóbrese un monumento e faise un simbólico enterro de cinzas
Descobremento do monumento Foto: Concello de Zas
As accións por reivindicar a importancia e a vixencia do xornalista e escritor Enrique Labarta Pose (Baio, 1863, 1925) na súa comarca de orixe seguen mantendo un alto nivel de compromiso. Fai anos que a súa figura está a ser proposta para o Día das Letras Galegas e non cesan as actividades arredor da súa figura. Este pasado 13 de maio tivo lugar unha delas, o depósito simbólico das súas cinzas (os seus restos non puideron ser recuperados ao estar nunha fosa común) na súa localidade, en concreto na Praza Jorge Mira Pérez de Baio.

O acto, no que participaron estudantes dos centros de ensino do municipio, membros da Corporación Municipal, membros da Comisión Labarta, familiares do homenaxeado, veciñanza, Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega; Concha Losada, Presidenta do Museo do Pobo Galego; Manolo González, membro numerario da Real Academia Galega; e María Dolores Sánchez Palomino, membro da Comisión Executiva da RAG; fixo cumprir unha das vontades que deixou escritas Labarta Pose de descansara na súa terra, tal e como consta no poema poema 'Que me enterren aló!': "Si por fado do Perello / morro lonxe da terriña, / anque sexa por correio / mandádema á miña aldea! / Si eiquí me enterran eu toleo! / Non me acostumo antre mortos / que non falan o gallego!". No lugar descubriuse un monumento realizado polo escultor Marcos López para a efeméride.

Ademais diso fai poucos días que o Concello de Zas colocaba nas rúas das vilas de Baio e Zas as xardineiras con paneis nos que podense ler algúns dos poemas do coñecido coma 'Quevedo galego', na defensa da lingua, das mulleres, dos animais e das nosas tradicións. Labarta Pose desenvolveu un importante traballo en galego e castelán marcado polo seu emprego do humor. Cultivou narrativa, poesía e teatro, ademais de promover publicacións como Galicia Humorística (1888), La Pequeña Patria (1890), Extracto de Literatura (1893), Pasatiempos (1894) ou a recoñecida Galicia Moderna (1897), ademais de ser un dos pioneiros da fotografía no noso país.