Os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal de Lourenzá (PSOE, PP e BNG) veñen de aprobar onte luns unha moción conxunta na que lle solicitan á Real Academia Galega que o Día das Letras Galegas do próximo ano se lle dedique ao escritor laurentino Francisco Fernández del Riego (Lourenzá 1913- Vigo 2010). Ao mesmo tempo diríxense aos demais concellos da Mariña, á Deputación Provincial, ao Concello de Vigo e á Fundación Penzol para que apoien esta iniciativa. Desde a corporación lembran os moitos méritos do escritor, intelectual e galeguista que o pasado ano fixo o seu décimo cabodano, impulsor da cultura galega e cun papel destacado na propia historia da Real Academia Galega e da propia celebración do Día das Letras galegas.
Canda Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, Francisco Fernández del Riego foi fundador da Editorial Galaxia en 1950, eixo fundamental para a recuperación do galego como lingua de prestixio e cultura e do galeguismo durante o franquismo. No ano 1963, dentro de Galaxia, fundou a revista Grial, do que sería director durante os seus primeiros 100 números. Del Riego exerceu incansablemente a difusión da cultura a través de libros e artigos para os xornais. Á insistencia de Del Riego con Álvaro Cunqueiro, unidos pola amizade, atribúeselle gran parte do mérito de volver traer ó mestre mindoniense á escrita en galego. Membro numerario da RAG desde o ano 60 e impulsor da celebración do Día das Letras Galegas en 1963, Francisco Fernández del Riego colleu en 1997 as rendas dunha academia que precisaba integrarse urxentemente na modernidade. E cando decidiu abandonar o seu cargo, no 2001, deixou rematada a tan necesaria reforma dos estatutos, deixou unha morea de propostas para caracterizar a Academia con algunha actividade representativa e, en definitiva, deixou tras del o que ata daquela foi o período máis aberto da institución. O seu sucesor no cargo, o recentemente falecido Xosé Ramón Barreiro Fernández, dixo que "Del Riego salvou a Academia, prestixiouna, organizouna e deulle tal pulo que os que agora seguimos só podemos continuar a súa inercia e o seu consello".