Dramaturxias Itinerantes leva a Paula Carballeira e a Sofía Santos Silva ao Porto e a Vigo

Consello da Cultura Galega, Escola Superior de Arte Dramática e Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo do Porto organizan o ciclo

A sexta xeira do ciclo Dramaturxias Itinerantes, que pretende promover un maior coñecemento sobre a escrita teatral feminina contemporánea de Galicia e Portugal, está protagonizada por Paula Carballeira e Sofia Santos Silva. O Consello da Cultura Galega (CCG), a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, en colaboración co Camões-Centro Cultural Português de Vigo, organizan este encontro, que celebra a súa primeira sesión na tarde deste 21 de novembro no Teatro Helena Sá e Costa (Porto), e repite mañá, mércores 22, ás 17:30 horas na ESAD de Vigo.

En cada unha das sesións, realízanse lecturas dramatizadas da obra Ubasute, de Carballeira e de Another rose, de Santos Silva. As dúas obras tratan temas como o abandono e a irmandade. Logo das presentacións desenvolverase unha conversa coas autoras moderada pola profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Vanesa Sotelo.

En Another rose Sofia Santos propón "un encontro na distancia co grupo activista Gulabi Gang, con sede no estado indio de Uttar Pradesh, que foi fundado por un grupo de mulleres como resposta á violencia sistemática e á discriminación xeneralizada que estas sofren nunha sociedade patriarcal que banaliza a violencia sobre o xénero feminino", segundo explica a presentación do proxecto.

Pola súa banda, Paula Carballeira percorre en Ubasute "as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles".