Iria Pinheiro e Luísa Pinto presentan obras nas Dramaturxias Itinerantes galego-lusas

Hoxe comeza en Porto a sétima edición do ciclo que seguirá mañá en Vigo

Unha nova edición do ciclo de intercambio cultural Dramaturxias/Dramaturgias Itinerantes organizados polo Consello da Cultura Galega, a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto e o Camões-Centro Cultural Português de Vigo ten lugar hoxe na cidade do Porto en Portugal. Esta sétima edición, que comeza hoxe ás 17:00 horas na ESMAE de Porto e que mañá, mércores 20, estará na ESAD de Vigo á mesma hora, contará coa participación das dramaturgas Luísa Pinto e Iria Pinheiro, que presentarán as súas obras 'Sugar Daddy' e 'A máquina do pobo', respectivamente. Ambas representacións terán un coloquio posterior coas autoras moderado pola actriz Vanesa Sotelo. No referente ás representacións, 'Sugar Daddy' será dirixida por Cláudia Marisa, con asistencia de Nuno Tudela e interpretación de António Salgado e Catarina Rapazinho; 'A máquina do pobo' terá a dirección artística de Nuria Montero Gullón, cun elenco galego formado por Maruxa Gemperle Ares, Sandra Zarco Fernández, Sandra Folgar Martínez e Laura Pampín Sanabria.

Ambas pezas exploran as relacións de poder e os vínculos laborais e persoais baixo unha perspectiva crítica e social. A obra 'Sugar Daddy', de Luísa Pinto, afonda nos aspectos de dependencia e poder do que vén en chamar unha "relación sugar", cuestionando os límites entre o consentimento e a violencia de xénero, a obra "pretende alertar para os perigos deste tipo de relación, que promove a apertura de portas á prostitución e á violencia de xénero, onde o limite entre a sanidade e a insanidade mental se revela tan feble que ambas se confunden", di o texto que presenta a obra. Pola súa parte, 'A máquina do pobo', de Iria Pinheiro, ofrece unha viaxe pola vida operativa dunha fábrica, centrada nas experiencias das súas traballadoras e dos seus propietarios, ademais do impacto que a deshumanización do traballo exerce sobre elas, ademais de todo o que implica para as súas vidas o momento do peche da fábrica na que traballan.