A exposición 'Santiago proxectado, arquitecturas non construídas' inaugurouse onte na Casa do Cabido de Santiago de Compostela. Trátase dunha mostra promovida polo Consorcio de Santiago de Compostela que analiza "unha serie de proxectos urbanísticos e arquitectónicos xestados ao longo da historia da cidade e que por diversas circunstancias non chegaron ao seu fin". O resultado son catorce propostas seleccionadas polos comisarios Fernando Franjo e Ana Paula Castro, apoiados por un equipo de arquitectos coordinado por Paula Franjo. Están estruturadas ao redor de catro eixos temáticos: a Catedral e a súa contorna, a Alameda e as aperturas de Compostela, o Ensanche e os bordos do Casco Histórico e os límites urbanos, que recolle as últimas décadas. Pódense ver desde recreacións posibles da catedral gótica de Santiago ata proxectos asinados por Rafael Moneo, Álvaro Siza, Norman Foster, Antonio Palacios ou Alejandro de la Sota. A exposición pode visitarse ata mediados do mes de febreiro.