O COAG inaugura a mostra divulgativa sobre Domingo de Andrade

A Alameda de Santiago acollerá esta exposición que logo viaxará a Tui, Ourense e Lugo

A Alameda de Santiago de Compostela acolle desde este mediodía a exposición Domingo de Andrade «XENIO E OFICIO», organizada con motivo do Día das Artes Galegas 2020 pola Consellería de Cultura e Turismo e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Domingo Antonio de Andrade (Cee,1639 -Santiago de Compostela, 1712) é o mestre galego ao que a Real Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas 2020, para a difusión da súa figura e traxectoria artística. Os comisarios da mostra son os arquitectos e membros numerarios da sección de arquitectura da Academia José Ramón Soraluce Blond, Ramón Yzquierdo Perrín, Ana Goy Perrín e Estefanía López Salas. A exposición consta de 24 paneis onde se mostra, con imaxes fotográficas, planos e textos, a súa longa traxectoria de obras e proxectos por distintas localidades galegas como Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña, Oseira, Sobrado, Tui... A exposición ten carácter itinerante e poderase contemplar máis adiante neste mesmo ano en Tui (18/08 ao 9/9), Ourense (11/09 ao 7/10) e Lugo (9/10 ao 5/11).

Andrade é un dos primeiros grandes arquitectos naturais de Galicia en pleno Barroco, mestre dos máis importantes artistas do século XVIII e figura destacada da arquitectura española nos dous campos onde exerceu o seu oficio, a retablística e a construción. Construcións relixiosas e civís, templos e vivendas, claustros e sacristías, retablos e tabernáculos, mesmo escribiu un tratado de arquitectura. Os historiadores da arte seguen aportando constantemente novos datos e novas sobre a súa vida e produción, actualizando a visión que se ten da mesma. Destacan, entre as súas numerosas obras, na catedral de Santiago a Torre do Reloxo, o tabernáculo, a porta Real e a capela do Pilar. Reconstruíu tamén en Compostela as dependencias dos conventos e mosteiros de Santa Clara e Bonaval, e tamén en Sobrado dos Monxes. O seus retablos son numerosos, algúns xa desmontados e outros trasladados de templos. Modernizou a arquitectura civil de Santiago no século XVII, con edificios de vivendas de clara planificación urbana, como a ordenación da Quintana. "Andrade deseñaba e elaboraba cunha mestría e oficio dignos dun xenio", sinalan os comisarios da mostra.