O Museo de Belas Artes presenta 'Arquitecturas que falan do seu tempo'

A exposición recolle o legado de 23 arquitectos membros da Academia de Belas Artes durante a súa historia

A exposición recolle o legado de 23 arquitectos membros da Academia de Belas Artes durante a súa historia
Faustino Domínguez Domínguez Alzado da fachada principal da sección AB dunha universidade literaria na Coruña (1841) Real Academia de Belas Artes de San Fernando
O Museo de Belas Artes da Coruña inaugurou onte a exposición "Arquitecturas que falan do seu tempo", que recolle as creacións arquitectónicas dos 23 arquitectos que foron e son académicos de número e de honra da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, desde a súa creación o 31 de outubro de 1849 ata a actualidade, inseríndose así nos actos do 175 aniversario da academia. Xosé Manuel Casabella e Alfredo Sellier son os comisarios desta mostra que estará nas salas do museo ata o vindeiro 23 de febreiro de 2025. Desde a perspectiva da contextualización artística, a exposición inclúe unha selección de obra pictórica e fotográfica realizada por varios artistas galegos que, a través das súas creacións e imaxes, representan diferentes espazos urbanos da nosa Comunidade como Xavier Correa Corredoira, Francisco Llorens ou Antonio Tenreiro. Entre os nomes dos arquitectos académicos que inclúe esta exposición están algúns moi coñecidos na actualidade pola súa proximidade, como Andrés Fernandez-Albalat; Rafael Moneo; Álvaro Siza; Manuel Gallego ou César Portela.

Nunha procura por presentar unha exposición de arquitectura alcanzable a todos os públicos e non soamente ao especializado neste campo, articulouse a información de modo moi visual e dinámico, baseándose fundamentalmente en fotografías que se amosan en vinte e tres pantallas de vídeo, unha para cada arquitecto, onde a exhibición de planos reduciuse ao mínimo, e só nos casos nos que resultou imprescindible. A exposición comeza co arquitecto Faustino Domínguez Domínguez, ao que neste marco podería atribuírselle maior transcendencia, porque no momento da creación da Academia ocupaba o cargo de arquitecto provincial e era tamén académico numerario da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Ademais de ser membro fundador e impulsor da Academia, de pronunciar o seu discurso inaugural e de ser promotor e o primeiro director da Escola de Belas Artes, Faustino Domínguez resulta representativo da evolución que inexorablemente experimenta a arquitectura ao longo deste período, segundo so comisarios. Como mostra preséntase o proxecto da Universidade Literaria na Coruña realizado en 1841 co que Domínguez Domínguez obtén o título de arquitecto na Real Academia de Belas Artes de San Fernando.