Darío Villanueva recibe o Premio Otero Pedrayo

A candidatura de Fuxan os Ventos mantívose empatada coa do académico

A candidatura de Fuxan os Ventos mantívose empatada coa do académico
O catedrático Darío Villanueva. Foto: Real Academia Española / Wikipedia
O catedrático e académico Darío Villanueva (Vilalba, 1950), ex-rector da USC e membro da RAE, ven de ser recoñecido co Premio Otero Pedrayo 2023, o galardón convocado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais. O premio está dotado cunha cantidade de 16.000 euros e ten como obxecto nas súas bases perpetuar e honrar a memoria da persoa egrexia no campo das letras e do coñecemento; premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega; promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

Actuando este ano como anfitrioa a Deputación Provincial de Lugo o xurado acordou outorgar o galardón a Villanueva tras unha reunión na que se valoraron e votaron as distintas candidaturas presentadas. A candidatura do vilalbés foi presentada pola Xunta de Galicia, mentres a Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou a do grupo musical Fuxan Os Ventos, e a Asociación Oral de Galicia propuxo para o premio ao filólogo e estudoso da tradición oral Domingo Blanco. Darío Villanueva foi elixido na segunda ronda de votacións, grazas ao voto de calidade da presidencia do xurado, ostentada polo Secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, tras un empate a votos entre a candidatura de Villanueva e a de Fuxan Os Ventos, segundo informa NÓS Diario.