O recente gañador do Premio Nacional de Música, o asturiano Rodrigo Cuevas, ven de ser recoñecido pola súa labor de dignificación do galego de Asturias. A Xunta Directiva de Axuntar, Asociación prá normalización del galego de Asturias, creou este ano os Premios Folgueira para distinguir ás persoas, institucións ou iniciativas que consideren meritorias "na dignificación do galego, un dos idiomas propios de Asturias". O primeiro receptor deste galardón será o músico Rodrigo Cuevas González (Oviedo, 1985). Desde Axuntar consideran a Cuevas merecedor do premio "en reconocemento del sou labor en pro da nosa lingua e pola importancia que el arte ten como elemento transformador e democratizador das sociedades", afirman nun comunicado. O premio, representado nunha escultura do ceramista tapiego Javier Cancio, entregarase na Casa da Cultura de Boal, o vindeiro 28 de outubro, no marco da presentación do 'II Informe sobre a lingua del Eo-Navia. Bilingüismo en Asturias'.