O XIV Lúas de Outono homenaxea a Manuel María na Coruña

A Fundación do poeta recoñeceu coas as súas navallas a Xurxo Souto e Suso do Bahía

Co lema Música, humor e poesía, o Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle este 19 de setembro ás 20:30 horas a décimo cuarta edición de Lúas de Outono. Este espectáculo de homenaxe que organiza anualmente a Fundación Manuel María en homenaxe ao poeta chairego contará nesta xeira coa narración oral de Quico Cadaval, que estará acompañada da poesía recitada a cargo da actriz María Barcala. Paraíso Canto correrá coa parte musical da gala, para a que xa se poden reservar as entradas gratuítas.

A Fundación, en colaboración coa Asociación Xermolos, entregou tamén o pasado 8 de setembro os seus galardóns A Navalla de Manuel María. O músico, escritor e dinamizador cultural Xurxo Souto e mais Suso do Bahía, responsable da Libraría Bahía de Foz, foron os recoñecidos con estes premios, o segundo deles a título póstumo. A Navalla homenaxea o compromiso coa cultura galega dos homenaxeados.