"As alumnas" de Paula Carballeira gaña o Premio Nacional de Literatura Dramática

A autora recupera neste traballo a memoria da mestra María Barbeito e o modelo educativo da IIª República

A autora recupera neste traballo a memoria da mestra María Barbeito e o modelo educativo da IIª República
Paula Carballeira
Paula Carballeira (Fene, 1972) ven de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte. A súa obra 'As alumnas' (Editorial Galaxia), foi valorada polo xurado coma "un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propuña a II República". O premio está dotado con 30.000 euros.

"As alumnas" (Editorial Galaxia) recibiu tamén este ano o Premio Follas Novas a mellor obra dramática. Esta peza de teatro que recupera a figura da mestra María Barbeito foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva. Na obra Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino. O xurado do Premio Nacional quixo poñer en valor como "a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a tódolos mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada".

Xurado
O xurado estivo presidido por María José Gálvez Salvador, directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte; e como vicepresidenta Almudena Hernández de la Torre Chicote, subdirectora xeral adxunta da Subdirección Xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas do Ministerio de Cultura e Deporte. Como vocais estiveron Aurora Gloria Egido Martínez, proposta pola Real Academia Española; Celia Pereira Porto, pola Real Academia Galega; María Aitzpea Goenaga Mendiola, pola Euskaltzaindia; Gabriel Sansano Belso, polo Institut d’Estudis Catalans; Maria Josep Marín Jordà, pola Acadèmia Valenciana de la Llengua; Francisco Domínguez Matito, pola Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE); Nieves Rodríguez Rodríguez, pola Asociación Colegial de Escritores de España-Asociación de Autores de Teatro (ACE-ATT); Luis Alberto de Cuenca y Prado, pola Asociación Española de Críticos Literarios; María del Carmen del Riego de Lucas, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); Isabel Ortega Sánchez, polo Centro de Estudios de Género de la UNED; Juana Natividad Escabias Toro, polo Ministerio de Cultura e Deporte; e Josep Maria Miró Coromina, autor galardoado en 2022.