Editorial Galaxia ven de publicar O transgredir das ondas, a nova obra dramática de Paula Carballeira. Neste texto a autora percorre a vida e a obra de Begoña Caamaño a través dun podcast titulado co mesmo nome, no que a xornalista Xoana Barreiro recompila voces, lembranzas e testemuñas para reconstruír a figura dunha autora esencial á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Con O transgredir das ondas, Carballeira diríxese especialmente ao público xuvenil; a obra convértese así nunha porta de entrada á figura de Begoña Caamaño establecendo pontes entre xeracións.
A peza céntrase na dimensión máis insubmisa e desobediente de Caamaño: "a do sorriso calmo e firme, a da voz nas ondas da radio, a da escrita comprometida e a da protesta necesaria", segundo a editorial. Desde esa estrutura, Carballeira constrúe unha obra que dialoga coa memoria, coa identidade e coa responsabilidade cultural. Licenciada en Filoloxía e cunha ampla traxectoria como narradora oral, actriz, directora e escritora, Paula Carballeira é unha das voces máis sólidas do panorama galego actual. Candidata en dúas ocasións ao Astrid Lindgren Memorial Award, conta cunha produción literaria recoñecida e traducida a diferentes idiomas. Como dramaturga recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 por As alumnas, publicada tamén en Editorial Galaxia.



