A Deputación da Coruña crea un obradoiro de lectura teatral

Roberto Pascual coordina a actividade pola que pasarán actrices, dramaturgas e creadoras escénicas

29/8/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: Teatro
46 lecturas | Compartido 0 veces

Roberto Pascual

Fomentar a lectura de teatro en galego é o obxectivo do novo obradoiro que promove o departamento de Cultura da Deputación da Coruña ao abeiro do Premio Rafael Dieste que se concederá en setembro. Está coordinado polo último gañador do Dieste, Roberto Pascual, baixo o título "Ler teatro: Obradoiro para novas experiencias lectoras" e comezará o xoves 14 de setembro na Biblioteca provincial da Coruña. Durante catro sesións, o obradoiro será un espazo para experimentar con textos teatrais da experiencia lectora e comprender que hai de diferencial nun guión que apela constantemente ao voo da escena. O dramaturgo, profesor e investigador galego, Roberto Pascual, deseñou un programa para ler, contextualizar e descubrir escritoras e escritores teatrais das nosas letras e do noso proceso de emerxencia cultural. En todas as sesións participarán actrices, dramaturgas e creadoras escénicas como María Vázquez, Esther F. Carrodeguas, Marián Bañobre ou Rocío González.
Esta actividade está dirixida a persoas interesadas en aproximarse ao teatro galego, á súa historia recente e experimentar a lectura de textos teatrais. A cita será semanal, ás 19:00h, durante catro xoves: o 14, 21, 28 de setembro e o 5 de outubro. Ademais, as persoas participantes no obradoiro rematarán a formación cunha listaxe de libros de teatro recomendados polo coordinador e exemplares dos últimos Premios Rafael Dieste da Deputación da Coruña. A inscrición é de balde con prazas limitadas ata 25 persoas. O prazo para inscribirse abre o venres 1 de setembro a través do formulario online que se activará no web da deputación, onde está xa dispoñible o programa completo das sesións.
Ligazóns externas

Universo culturagalega.gal

26/12/2018

O 2018 desde o miradoiro (I)

Manuel Bragado, Roberto Pascual e Ana González Liste repasan o que deu de si o ano desde as letras, as artes escénicas e a música

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego