A Mostra de Cangas premia a comedia clásica de Molière

O espectáculo 'El Avaro' da compañía andaluza Atalaya acadou o premio do público

O espectáculo 'El Avaro' da compañía andaluza Atalaya acadou o premio do público
Representación de 'El avaro' de Atalaya Teatro
A representación da peza clásica ' O avaro' do pai da comedia francesa Jean-Baptiste Poquelin 'Molière' (1622-1673), por parte da compañía andaluza Atalaya Teatro foi a escollida polo público da Mostra de teatro Cómico e Festivo de Cangas. O público do Morrazo decidiuse por este espectáculo clásico para premialo dándolle unha valoración de 4,94 puntos sobre 5, o que a converteu na obra máis valorada, por diante de 'In petto' (Okidok), cunha valoración de 4,85 puntos; e 'Los Días Ajenos de Bob Pop' (El Terrat), con 4,79 puntos. A coincidencia fixo que a compañía andaluza faga este ano o seu 40 aniversario, os mesmos anos que a Mostra de Cangas.

'O Avaro', representada en castelán por Atalaya, é unha das obras mestras de Molière e un dos seus últimos textos. A obra amosa o lado máis mesquiño e egoísta do ser humano, onde se leva alo extremo os problemas xerados polo diñeiro e o poder, o que resulta, lamentablemente, de notable actualidade. Ao tempo percíbese o maltrato que Harpagón propina aos seus empregados e o seu exacerbado sexismo. Con oito actores e actrices en escena, o espectáculo enmárcase nos grandes proxectos da compañía, e máis en concreto, entre os que se presentan en clave de musical. Carmen Gallardo, Silvia Garzón, Selu Fernández, María Sanz, Enmanuel García, Garazi Aldasoro, Raúl Vera e Lidia Mauduit conforman o elenco de actores e actrices da obra, dirixida e adaptada por Ricardo Iniesta.