Cando son os devanceiros os que veñen para a aldea

As escavacións en Castrolandín revelan que a ocupación do castro chegaba ata a aldea actual

As escavacións en Castrolandín revelan que a ocupación do castro chegaba ata a aldea actual
Castro de Castrolandín. Foto: Manuel Gago
Na pasada noite de San Xoán, os veciños da aldea de Castrolandín (Cuntis) estaban especialmente orgullosos, pero non só do tamaño da fogueira. "As casas do castro chegan ata a aldea", repetían varios. A noticia demostra en primeiro lugar as relacións de intercambio de información entre a veciñanza, propietaria do castro, e do equipo arqueolóxico do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC que acaba de rematar hai poucos días unha nova campaña neste xacemento. Súmase ás que, con diferentes obxectivos e en diferentes lugares do xacemento, se veñen practicando desde hai máis de vinte anos polo mesmo equipo. Cando se lle preguntaba aos veciños, a noticia supuña un xeito de sentirse máis preto dos ancestros dese castro, que ademais pertence á comunidade de montes.

Pero para os científicos, a campaña é un paso máis na estratexia de investigación, emprendida desde o Incipit polo arqueólogo César Parcero, na procura de comprender a actividade humana na Idade do Ferro por fóra das murallas dos castros. O venres pasado tamén dimos conta da actividade deste investigadores e o codirector do proxecto Hinterlard, David González, na procura de restos de actividade agraria e metalúrxica no castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón). A escavación de Castrolandín está financiada pola Deputación de Pontevedra coa colaboración do concello de Cuntis e a Fundación Terra Termarum.


Sondaxes practicadas na campaña. Gráfico: Incipit

A nova campaña en Castrolandín interveu en tres diferentes puntos fóra da croa do castro, continuando unha campaña anterior na que, nunha terraza a media ladeira, fora localizada unha cabana. Os rexistros daquela vivenda extra muros amosaban materiais cerámicos máis humildes que os que se atopaban no interior das murallas. Desta volta, o director da intervención de Castrolandín, Carlos Otero, levou a intervención algo máis alá.

"Na primeira sondaxe atopamos un foxo a media ladeira", explica o arqueólogo, "o cal pode resultar un pouco estraño, pero hai outros casos. "Probablemente circundaba todo o norte do castro e está relacionado co camiño de acceso, que pensamos que daba a volta á croa", comenta Otero, quen engade un curioso achado que se pode ver nas fotografías. "O foxo ten uns grandes penedos que pensamos que están colocados intencionalmente, pero non sabemos a súa función".


Sondaxe que localiza un foxo con penedos depositados intencionalmente


Sondaxe con restos de cabana nas inmediacións da aldea actual

As outras dúas sondaxes descenden algo máis, seguindo a traza aínda visible dalgunhas pequenas terrazas que se abren, cunhas espectaculares vistas, sobre o val. "Na sondaxe 2 documentamos unha área de actividade ao aire libre, disposta sobre esa terraza artificial, na que atopamos bastante cerámica do final da Idade do Ferro e tamén carbóns que nos están falando dese nivel de uso no exterior". A terceira das sondaxes foi a que encheu os ollos dos veciños. Practicamente enriba da aldea, e sobre a pista que a rodea, os arqueólogos documentaron o muro dunha cabana circular "con materiais inconfundibles da Segunda Idade do Ferro". Chegaba o castro ata aló abaixo? "Ou ben nos fala dunha periferia do castro, extra muros, ou ben que o castro ía máis aló do que consideramos tradicionalmente, con niveis defensivos menos visibles", sinala Carlos Otero. Castrolandín é un dos primeiros xacementos no que se documentan vivendas situadas aparentemente fóra dos tradicionais e masivos parapetos dos castros galaicos. "O que si é interesante tamén nesta última sondaxe é que fronte ao que pasa no resto do castro, aquí non atopamos un nivel de ocupación moi potente. É un nivel moi concreto, moi feble, case elusivo. Pode significar que esa ocupación periférica non fora moi intensa, ou que non se prolongara moito no tempo", explica Otero, aínda que as evidencias atopadas non permiten ir polo momento moito máis alá.

"Todo iso está cambiando", explica. "Se miramos a outras épocas, pasa o mesmo. Pensade no castelo medieval da Rocha Forte. Durante moito tempo pensouse que o castelo é unicamente esa zona máis contundente que se pode ver cando a visitas. Pero agora sabemos que había un recinto exterior moi grande cunha cerca ao redor".

No futuro poida que se represente o Castrolandín da Idade do Ferro como un castelo superior con multitude de cabanas e zonas de traballo na ladeira que amosaba o castro cara as terras de cultivo do val. Polo de contado, os veciños da aldea parecen encantados de que lle viñeran vivir á aldea os seus devanceiros.