Instalacións culturais galegas reciben fondos do MITMA para a súa rehabilitación

As actuacións inclúen a rehabilitación dos edificios do Museo de Pontevedra ou a recuperación do Teatro Principal de Tui

| Santiago. Redacción | Seccións: Cultura
Compartir:

O Ministerio de Transportes, Mobilidades e Axenda Urbana daba a coñecer este 26 de xuño a resolución definitiva das súas axudas de fondos NextGenerationEU a entidades locais para a rehabilitación de edificios públicos. Entre as 187 propostas que se benefician desta convocatoria hai varias galegas que afectan a infraestruturas de carácter cultural.

Na listaxe de iniciativas que obteñen fondos desta convocatoria, destaca o proxecto para rehabilitar e mellorar a conexión entre os edificios históricos do Museo de Pontevedra. Esta proposta recibe tres millóns de euros, tal e como adiantara xa en abril deste ano a Deputación Provincial. Canda a este, destaca o apoio que obtén o proxecto de rehabilitación do Teatro Principal de Tui, que suma 772.293 euros para as súas obras.

A rehabilitación da Casa da Cultura de Boiro contará con 1.562.468 euros destes fondos, mentres a tranformación do antigo casino de Entrimo nun hotel recibirá 601.355. Ribeira obterá 539.033 euros para recuperar o edifico do Conservatorio de Aguiño.

As axudas chegan tamén ao proxecto da Casa da Cultura de Abegondo, que inclúe a rehabilitación da vila indiana Os Loureiros, de comezos do século XX, e que conseguiu 1.125.828 euros nunha resolución provisoria que debe aceptar antes do vindeiro 5 de xullo.

Canda a estes, os fondos do Ministerio apoiarán traballos de rehabilitación de diferentes espazos municipais como mercados, oficinas ou centros de ensino.

Que che parece esta nova?
92 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Museo de Pontevedra, Tui, Ministerio de Transportes...