Xavier Queipo acada a bolsa de intercambio literario con Irlanda

A irlandesa Dairena Ní Chinnéide foi seleccionada para vir á residencia na Coruña

Xavier Queipo. Fotografía de Cé Tomé. AELG
Xavier Queipo. Fotografía de Cé Tomé. AELG
A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria da terceira edición do programa de intercambio literario con Irlanda para a proxección exterior das letras galegas, que este ano recae no galego Xavier Queipo e na irlandesa Dairena Ní Chinnéide. Ao abeiro deste programa, que se emprende en colaboración coa Residencia Literaria 1863 xestionada por Yolanda Castaño e coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Keith Payne, ambos escritores benefícianse dunha bolsa de traslado, manutención e aloxamento ao longo do mes de setembro que, no caso de Xavier Queipo, será no Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, situado no campestre contorno de Newblis do Condado de Monaghan, Irlanda. Trátase da que fora casa familiar do director teatral Sir Tyrone Guthrie e que se emprega como retiro artístico e como lugar aberto a profesionais en todas as formas da arte. Para a elección de ambos escritores participou un xurado composto por representantes da Xunta de Galicia, da Residencia Literaria 1863 e as entidades Literature Ireland, Poetry Ireland e a propia residencia de acollida, o Tyrone Guthrie Centre.

Xavier Queipo é escritor e biólogo de Santiago de Compostela que desde os anos 80 viviu e traballou en Bruxelas nun organismo internacional. A súa carreira literaria é ampla e recoñecida con diferentes galardóns como o Premio da Crítica Española na modalidade de narrativa en galego, o Premio Xerais ou o Premio Nacional de Tradución pola tradución ao galego do Ulysses de James Joyce. Actualmente está xubilado e coxestiona un espazo cultural en Vigo.


No caso do intercambio en Galicia, a gañadora é a poeta irlandesa Dairena Ní Chinnéide. A súa estadía será na Residencia 1863 de A Coruña, un apartamento do século XIX no casco histórico herculino que combina residencia con centro de xestión cultural. Traballará e investigará en Galicia durante o vindeiro mes de setembro. Trátase dunha poeta bilingüe de Irlanda que recibiu numerosos recoñecementos pola súa escrita, incluídas as bolsas de literatura en lingua irlandesa do Consello das Artes de Irlanda, Ealaín na Gaeltachta, a bolsa Covid do Centro de Literatura Munster e tamén unha bolsa Patrick e Katherine Kavanagh. Foi escritora residente en lingua irlandesa para a Dublin City University entre 2017 e 2018, e nomeada Poeta Laureada por Listowel como parte do proxecto Poetry Ireland Poetrytown en 2021, entre outras.