O proceso de expropiación pon en debate o valor do castro de San Cibrán de Las

Dúas taxacións sitúan o prezo deste monumento entre 70.000 e 300.000 euros

Dúas taxacións sitúan o prezo deste monumento entre 70.000 e 300.000 euros
San Cibrán de Las. Fonte: Web do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.
Trescentos mil euros é o prezo do castro de San Cibrán de Las, considerado o maior de Galicia. Así o asevera o informe que encargou a un enxeñeiro forestal a comunidade de Montes en Man común de Cristimil e A Torre, propietaria do terreo no que se asenta este conxunto. O prezo contradí a taxación efectuada pola Xunta, que valoraba o monumento e os seus terreos en 70.000 euros.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determinou en 2019 a propiedade deste espazo no que se sitúa o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, dependente do Goberno Galego. A sentenza determina que a Xunta é propietaria unicamente do edificio que alberga o centro de interpretación, e que as 15 hectáreas de terreo que ocupa o parque son integramente propiedade da comunidade de montes.

O concello de San Amaro, que apoia a Comunidade nas súas reivindicacións, anunciou, segundo publica hoxe o xornal La Región, que levará o Xurado de Expropiacións este informe con vistas a que se teña en conta de cara á adquisición do terreo por parte da Xunta.