Créase un certame para proxectos expositivos

A primeira edición de Cultiva Cultura seleccionara seis exposicións para a sede da deputación de Pontevedra en Vigo

A primeira edición de Cultiva Cultura seleccionara seis exposicións para a sede da deputación de Pontevedra en Vigo
A Deputación Provincial de Pontevedra vén de poñer en marcha a primeira edición dos Premios #CultivaCultura, un programa que busca seleccionar cada ano os mellores proxectos artísticos profesionais cuxo desenvolvemento e contido poida ser exposto na súa sede de Vigo. Aos premios, dotados cun orzamento de 15.000 euros, poden optar artistas, comisarios ou xestores culturais dos circuítos profesionais, de orixe galega ou residentes na comunidade autónoma, que presenten proxectos expositivos nas modalidades de pintura, escultura, fotografía, ilustración, instalación, arte sonora, audiovisual, moda ou deseño. En total, concederanse ata seis premios de 2.500 euros cada un entre os proxectos expositivos que se presenten. Aquelas propostas que sexan premiadas serán exhibidas nestes espazos durante un período de entre un mes e medio e dous meses.



Desta maneira, desde a deputación perséguese o recoñecemento, o impulso profesional e a difusión artística mediante a produción de proxectos, exposicións ou instalacións sobre calquera disciplina de creación artística que destaque pola innovación, a calidade e a adecuación da proposta aos recursos de que se dispoñen e ao espazo expositivo das salas da sede de Vigo. As solicitudes, que as persoas interesadas poden presentar ata o 20 de abril a través da Sede electrónica da Deputación, deben ir acompañadas da relación das e dos artistas que conforman o proxecto (no caso de ser colectivos); unha memoria do proxecto expositivo que se vai desenvolver; a relación de obras, características e necesidades técnicas, tales como peañas, vitrinas, pantallas, etc.; o currículo artístico resumido da persoa ou persoas participantes no proxecto, e un dossier artístico con traballos anteriormente desenvolvidos que permita coñecer a traxectoria artística.