Abre a nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

O local, que ocupa a antiga Casa da Fotografía, conta con espazos expositivos

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Fonte: Deputación de Pontevedra.

Nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Fonte: Deputación de Pontevedra.

Un espectáculo de música, luz e danza, conducido polas actrices Xasmín Abuín e Deborah Vukusic, servirá esta tarde para inaugurar a nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. O espazo, que ocupa a antiga Casa da Fotografía, pretende ser, segundo a institución, "un centro de acción e de dinamización cultural, social e empresarial" e contará con diferentes espazos expositivos.

Segundo adiantou Carmela Silva, presidenta da entidade, na presentación do evento, o local da Rúa Eduardo Chao contará cun espazo museístico que leva o nome de Maruja Mallo e que ampliará cun corredor que tamén acollerá mostras. Na mesma liña, un cuarto co nome de Dorotea Bárcenas se dedicará a proxeccións audiovisuais.

Entre as primeiras actividades culturais previstas para este local están os obradoiros para alumnado de Educación Infantil e Primaria sobre o mundo mariño que se celebrarán o vindeiro 4 de febreiro. No día seguinte desenvolverase a entrega dos premios Sofía Novoa aos mellores traballos de fin de grao e de mestrado con perspectiva de xénero e para o xoves seis celebrarase un festival de música feminina no que participarán, entre outras artistas, Xoana e High Paw.

O cambio de uso do local que abrira como Casa da Fotografía foi contestado desde diferentes ámbitos culturais da cidade, como o Centro de Estudos Fotográficos.

Que che parece esta nova?
83 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Deputación de Pontevedra, Fotografía, Vigo, Espectáculo...