O grupo de Teatro Airiños celebra 90 anos cun libro e múltiples actividades

As Veladas de primavera abren este mes de abril as conmemoracións, que inclúen unha exposición, un roteiro e propostas escénicas

A agrupación de teatro en activo máis antiga do país, o Grupo de Teatro Airiños de Asados, Rianxo, celebra neste 2023 os seus 90 anos de existencia. A conmemorar a data, preparou unha programación especial que inclúe diferentes propostas escénicas, unha exposición, un roteiro teatralizado e o lanzamento dun libro que compila a súa historia.

O ciclo Veladas de primavera, que arrincaba este 9 de abril cun monólogo de Quico Cadaval, é a primeira das propostas de celebración. Este programa desenvolve nas fins de semana ata final do mes con contacontos, unha actuación do grupo PatacaMakabra e outra do propio grupo coa obra República Sideral, que continuará a representar ao longo do ano.

No marco deste ciclo o vindeiro domingo 16 de abril preséntase o volume Airiños, 90 anos de teatro do pobo que repasa a historia do grupo a partir da memoria de Xesús Santos e das investigacións de Amantia Coello, directora creativa e de escena do grupo, e que sae publicado pola Deputación da Coruña. Ademais, a entidade anuncia que se está a preparar un documental sobre a traxectoria da histórica formación da man de Miguel Silva Conde.

Para o vindeiro mes de agosto, as celebracións inclúen a realización dun roteiro teatralizado pola parroquia de Asados na que se explicará a propia historia de Airiños e que rematará cun xantar popular. Para outubro está prevista unha exposición das pezas vestiario da compañía entre os días 13 e 30, mentres para o 22 desenvolverase a estrea de As vellas non deben namorarse. Esta versión alternativa do texto clásico de Castelao conta con dirección de Amantia Coello.