Airiños frescos de 80 anos

O grupo de teatro máis lonxevo do país encara vizoso unha etapa de renovación

Facer oitenta anos de actividade ininterrompida no mundo do teatro non é algo habitual na nosa escena. De feito, é un caso único. O grupo afeccionado Airiños leva desde 1933 a desenvolver o seu traballo na parroquia rianxeira de Asados. Sempre fiel á nosa lingua, o colectivo encara baixo a dirección de Esther F. Carrodeguas un proceso de renovación que promete levalo a novas cimeiras.

O pasado 2013 o Grupo Airiños de Teatro celebraba os seus 80 anos. Este grupo amador supón todo un fito no panorama escénico galego e non só pola súa idade. Un intenso esforzo de renovación que inclúe máis obras, un maior coidado na posta en escena e mesmo novos formatos apunta un futuro prometedor.

Nova dirección
A escritora, xornalista e actriz Esther F. Carrodeguas é a responsable en grande medida da nova época de Airiños no seu papel como actual directora do proxecto. "Comecei no colectivo hai uns catro anos. Somos todos de Rianxo, entón máis ou menos xa nos coñeciamos. Algunhas das persoas que fan parte do grupo xa comentaran que se vían algo estancados e que sempre facían máis ou menos o mesmo. Entón chamáronme para un obradoiro de verán, e xa fiquei. Tamén coincidiu con que o director naquel momento deixaba o posto". A flamante directora, no entanto, recoñece que non tiña constancia da importancia do grupo. "Para min era o grupo da miña vila. Non era consciente da súa pegada histórica. Eran os que sempre facían obras de Dieste ou Os vellos non deben de namorarse. Cando se fixeron os 75 anos, Xesús Santos, o anterior director, deixoume un rascuño do libro coa historia do grupo, e alucinei. Se soubese que era algo tan importante o mesmo tería dito que non".

A potencia da Historia
A coñecer a historia do grupo, Carrodeguas apunta a súa admiración pola resistencia do proxecto. "Que aturase desde a República, e ademais a levar sempre por bandeira o emprego do galego paréceme incrible. Eu sei o difícil que é no mundo do teatro que un grupo dure sete anos, e pensar que isto funcione con xentes que teñen diferentes implicacións e mesmo opinións políticas é espectacular", sinala. A aposta polo idioma marcou en boa medida tamén a liña dramática de Airiños durante anos. "Houbo que apostar tamén por un teatro popular e apolítico precisamente porque xa era bastante político o emprego da lingua. Logo cando se puido xa se fixo Os vellos…". A farsa e a comedia de salón marcaron durante moito tempo as funcións de Airiños.

Renovacións
Coa nova dirección, o colectivo encetou un proceso de renovación que afectaría a diferentes ámbitos. "Nos primeiros dous anos fixemos montaxes na liña que habitualmente xa facía o grupo. No entanto, tentamos achegar unha escenificación máis pensada e traballar máis os personaxes, achegarlles máis matices". A entrada da nova directora coincidiu tamén cun período no que o grupo comezou a recibir diferentes homenaxes. O Premio "Angel Velasco" de "Amigos del Teatro de Valladolid", o Premio da Cultura Galega das artes escénicas, os dous en 2012 ou o Pedrón de Ouro de 2013 recoñeceron un traballo de moito tempo. Para conmemorar o 80 aniversario, abordaron unha montaxe pouco habitual no seu repertorio, un cabaré. "Foi unha creación colectiva que tentaba contar a propia historia do grupo. Tentei rachar un pouco esa liña de comedia e que se atrevesen con algo diferente. Houbo bailes, cancións corais, maxia ou clown, e tivo moito éxito".

Celtas sen filtro
Un ano despois, a compañía de teatro amador volta a escena con outra aposta inusual. Celtas sen filtro, un texto de Méndez Ferrín estreado no seu día por Artello Teatro supón un novo paso no percurso deste lonxevo colectivo. "É unha obra moi macarra, e decidimos actualizala, metemos referencia a Rajoy, a Podemos ou ao fútbol. O argumento xira en torno ao conflito que se crea cando aparece petróleo na Catedral de Santiago. Temos moitos xogos escénicos e desenvólvese en diferentes espazos, entón parecíame que rachaba bastante coa estrutura de comedia de Salón máis habitual en Airiños". A proposta supón tamén unha tentativa de sumar novos públicos ás representacións do grupo.

Proxecto colectivo
No entanto, malia a que a proposta xurdiu dela, Carrodeguas advirte que a elección final recae, como todas as decisións importantes, no propio grupo. "Tento que o traballo parta sempre da creación colectiva. Aínda que como directora teña que decidir sobre moitas cousas, imos consensuando, facemos xogos de improvisación e de aí saen ideas sobre as que construímos, é un traballo moi colectivo". Un colectivo que está formado por máis de vinte persoas. "É moita xente, pero iso tamén garante unha certa repercusión, porque entre amigos e familiares é habitual que enchamos. Agora mesmo temos en activo dous grupos de nenos, cun total de 20 participantes, e outros 20 no de maiores".
Conseguir unha implicación tal da xente non é sinxelo, e esixe coñecementos sobre como animar un grupo no que non todo o mundo comparte o mesmo nivel de motivación. "Tentamos facer cousas que lle poden gustar a todo o mundo. Propomos xogos, bailes, cantamos, facemos dinámicas de grupo e tentamos que os ensaios sexan sempre divertidos", explica a directora, quen recoñece que "non a todo o mundo lle pode gustar. Hai quen prefería o ritmo de antes, e outros que ata din que habería que quedar máis para ensaiar", explica. Encol do segredo para a permanencia da iniciativa, Carrodeguas apunta a existencia dunha vida comunitaria intensa na parroquia de Asados. "É certo que teñen un carácter en xeral moi amigable e que o núcleo de poboación está bastante concentrado. Logo hai moita relación tamén con Rianxo, está ao carón. Logo está a implicación de persoas como Ramón Pimentel e Xesús Santos, auténticos apaixonados polo teatro que conseguiron xerar unha dinámica de colaboración". Alén do propio grupo, o traballo de Airiños conta cun grande apoio no propio concello. "Hai unha grande implicación nas estreas e logo coméntanse moito as obras. Agora estamos a tentar chegar a xente nova".

Ritmo
O ritmo de produción que desenvolven en Airiños non ten nada que lle envexar ao de moitas profesionais, xa que cada ano sae un título novo. Un ritmo de ensaios que rolda as dúas sesións semanais, máis en períodos previos ás estreas, e a práctica de anos de traballo explican a capacidade destes amadores de cumprir a súa cita anual coas táboas. "Antes non se facían tantas. Agora eu turro moito, confío moito neles e penso que eles tamén confían máis en si mesmos. O proceso é moito máis rápido porque eu non actúo, estou sempre fóra da obra e iso facilita tanto os ensaios como procesos como solicitar subvencións ou atender cuestións loxísticas". E é que, ata a chegada de Carrodeguas, era habitual que un dos actores correse co traballo de dirección e de coordinación das obras. O novo sistema permite que se poidan, por exemplo, desenvolver ensaios sen a presenza da coordinadora. No entanto, a directora recoñece que cada obra non é unicamente o resultado dun ano. "O Cabaré xurdiu de varios anos de practicar xogos e bailes que logo aplicamos na obra". Todo este labor reflíctese logo nas arredor de seis ou oito funcións que se desenvolven cada ano, moitas deles no marcos do Circuíto Cultural da Deputación da Coruña.

Fondos
Precisamente estas funcións supoñen a principal vía de financiamento para manter a actividade de Airiños. Camisetas, chapas e mesmo festas son outros xeitos de obter uns fondos mínimos para desenvolver os proxectos do colectivo. "Tentamos que sexan baratos. O principal investimento é o tempo. A roupa tráese da casa, pero sempre hai que facer compras e gastar cartos. Xa só en fotocopiar textos de obras para que todos os lean pode ser un custo importante, así que sacamos unhas poucas copias que compartimos. Facemos un teatro de crise e preferimos gastar nunha cea despois das funcións que en grandilocuencias. Logo tamén tentamos deixar algo para formación", asegura a directora.

Máis teatros
Outras das innovacións que Airiños abordou nos últimos tempos foron as sesións de Teatro Exprés, unha iniciativa que xurdiu desde o Concello de Rianxo. "A concelleira de Cultura quere contarlles algo aos veciños, entón danos un tema e elaboramos a propósito un texto que se representa en pequeno formato. Son como contos dramatizados que se levan polas parroquias A nós permitiunos coller un lote de táboas, é moita xente a participar en pouco tempo, e facemos modificacións entre unha función e outra. Tamén penso que para os membros do grupo supuxo ver que se poden elaborar textos, que non se trata só de traballar con textos xa escritos", lembra Carrodeguas. A isto súmanse aínda as representacións de cantares cego, xa habituais desde hai anos no seo do grupo.

De cara ao futuro, Carrodeguas pretende "tentarmos abordar o humor desde unha perspectiva máis poética. Penso que aínda non se van atrever co drama, así que continuaremos coa comedia, pero a ver se conseguimos que a xente saia a sorrir máis do que a rir no vindeiro espectáculo. Pero non sei o que vai pasar porque a xente quere o que quere. O que é seguro é que haberá lago, tento que cada ano sexa un reto". A máis longo prazo recoñece que lle gustaría "escribir unha obra para eles nalgún momento". Os Airiños veñen frescos.

A historia de Airiños en fotografías

A historia de Airiños en fotografías

O grupo en 1952

Representación de <i>O Rei da Carballeira</i> en 1957

Representación de O Rei da Carballeira en 1957

Versión de <i>O Rei da Carballeira</i> de 1982

Versión de O Rei da Carballeira de 1982

Antiga representación de <i>A fiestra baleira</i>, de Dieste

Antiga representación de A fiestra baleira, de Dieste

<i>A fiestra baleira</i>, de Dieste, na versión de 1999

A fiestra baleira, de Dieste, na versión de 1999

<i>Na casa do ciruxano</i>, 1970

Na casa do ciruxano, 1970

<i>Non lle busques tres pes ao Alcalde</i>

Non lle busques tres pes ao Alcalde

Escena de <i>Os vellos non deben de namorarse</i>

Escena de Os vellos non deben de namorarse

<i>Ata que a morte nos separe</i> (2011)

Ata que a morte nos separe (2011)

Cartel de <i>Celtas sen filtro</i> (2014)

Cartel de Celtas sen filtro (2014)