
A Praza das Conchiñas, varios colexios, a Escola Municipal de Música mais a Piscina Municipal de Riazor serán os lugares que acollerán os novos murais. O Concello presentaba este 4 de abril o programa que "pretende servir como motor rehabilitador, cultural, social e económico para a cidade, mediante a rexeneración urbana, potenciando tamén un novo tipo de turismo diferenciado e especializado en arte na rúa e que servirá para complementar a oferta cultural e de ocio da cidade".
Para alén da creación de murais, a primeira edición de Istmo inclúe tamén unha xornada musical no parque de Santa Margarida na que participarán Fillas de Cassandra, Boyanka Kostova e Bejo, que estarán acompañados dunha mostra de pintura ao vivo de Nove Noel e Yoe33.