Un certame para mergullarse na lírica galega e poñerlle música

O Concello de Pontevedra anima a compoñer temas con poemas dos homenaxeados en 60 anos do Día das Letras Galegas

O Concello de Pontevedra anima a compoñer temas con poemas dos homenaxeados en 60 anos do Día das Letras Galegas
Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio), que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego, e co obxectivo e de incentivar o uso da lingua galega na música creada e interpretada no municipio, o Concello de Pontevedra convoca un novo certame musical aberto baixo o nome de "Música nas Letras 2023". Para participar nel, as bandas ou artistas deberán musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos da autoría de calquera das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas desde o inicio desta celebración no ano 1963 até este 2023. As bases permiten a presentación de composicións musicais de calquera xénero ou estilo e para entrar resulta preciso que, canda menos unha persoa poida acreditar ser de Pontevedra.

Un xurado, composto por profesionais do sector cultural, seleccionará os tres finalistas. Estas tres agrupacións ou artistas deberán interpretar a súa composición o 17 de maio, Día das Letras Galegas, nun acto público organizado polo Concello, intre no que tamén terá lugar a entrega de premios, sendo o primeiro de 1.000 euros, o segundo de 500 euros e o terceiro de 250 euros. Ademais, tamén haberá un premio do público consistente nun lote de libros, outorgado segundo os votos emitidos entre o 3 e o 15 de maio a través do Instagram @lingua_pontevedra. A participación está aberta ata o vindeiro 2 de maio.