O Goberno central investirá 8,3 millóns en recuperar a ponte de Pontedeume

O investimento afectará a melloras na mobilidade e no aspecto patrimonial do monumento

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Ponte de Pontedeume. Fonte: Turgalicia

Ponte de Pontedeume. Fonte: Turgalicia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentaba este 22 de marzo en Pontedeume o proxecto de recuperación da ponte que une esta localidade con Cabanas. Datado no século XIX este conxunto segue a ser hoxe unha vía de comunicación fundamental entre as localidades e soporta diariamente 10.000 vehículos, que chegan a ser 15.000 durante o verán.

A actuación que desenvolverá o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana conta cun investimento de 8,3 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. As obras previstas inclúen melloras na seguridade e na mobilidade viaria, en particular destinada ás persoas que fan o Camiño Inglés a Santiago.

Segundo destacou Miñones, os traballos pretenden mellorar a cimentación da ponte, ademais de dispor dun novo taboleiro con beirarrúas máis amplas, un novo elemento de contención de vehículos e nova iluminación e varandas. Nos alzados de cantería do conxunto abordaranse tarefas de limpeza, reconstrución e tratamentos de protección.

Que che parece esta nova?
54 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pontedeume, Goberno Central, Ministerio de Transportes