O termalismo e as novas tecnoloxías mestúranse en Ourense con senllos salóns

Balnearios multimedia

As novas tecnoloxías e o termalismo daranse cita en Ourense este fin de semana con senllos salóns. Por unha vanda, Termalia reunirá os responsables de 110 balnearios de Galicia e de Portugal para analizar as últimas novidades do sector. Pola outra, o II Salón Multimedia e de Telecomunicacións traerá á Cidade das Burgas as últimas novidades tecnolóxicas.


Os balnearios


Termatalia, o único foro de termalismo da Península reunirá entre os días 19 e 21 deste mes cento dez representantes de balnearios de España e de Portugal, ademais de cincuenta e tres expositores.
Na feira, que se celebrará no recinto de Expourense, coñeceranse as últimas técnicas de termalismo e coñeceranse os máis recentes avances en productos cosméticos, saunas, bañeiras e mobiliario clínico.
Ademais das exposición, Termatalia inclúe a celebración dunhas xornadas nas que participan algúns dos máis destacados expertos en termalismo de toda a Península e de parte de Europa. Neste encontro analizaranse diferentes cuestións sobre o turismo de saúde e falarase das novas estratexias de dirección económica de empresas termais.
O encontro está organizado pola Xunta, a Asociación Nacional de Estacións Termais (ANET) e Balnearios de Galicia, co Patrocinio de Caixanova.
Nos últimos anos o termalismo en Galicia coñeceu un forte desenvolvemento que permitiu diminuir a dependencia do turismo de tempada. Actualmente os balnearios teñen un índice de ocupación dun oitenta por cento.












As novas tecnoloxías

Coincidindo con este encontro e noutra parte do recinto Expourense, celébrase a segunda edición de Expoenter, o Salón Multimedia e das Comunicacións que achega a esta cidade as últimas novidades en informática, comunicacións e multimedia.
O salón está dirixido tanto ó empresario coma ó público en xeral e inclúe a celebración dunhas xornadas técnicas nas que se impartirán conferencias sobre cuestións tan diversas com a a enxeñería web, a rexionalización do software ou a realidade virtual. Para o sábado está previsto que se analicen os sistemas de loita contra virus e os sistemas de seguridade informática.
A tarde do venres darase a coñecer no salón o gañador do primeiro concurso Expoenter de proxectos tecnolóxicos de fin de carreira ó que concorren titulados de Enxeñería Superior de Informática de Ourense.