Pontedeume e Pontevedra acollen cadanseu salón de literatura infantil

Os pequenos, a ler no salón

| | Seccións: Literatura
Compartir:

A literatura infantil e xuvenil está de actualidade esta semana. Dous salóns en Pontevedra e Pontedeume analizan a actualidade deste xénero e presentan as últimas novidades editoriais. Actividades como obradoiros de encadernación, contacontos ou recitais completan os programas.

Pontedeume

A inauguración das xornadas de Pontedeume realizarase hoxe ás cinco da tarde na casa da cultura de Pontedeume a cargo do escritor Antón Cortizas. Mañá realizarase o obradoiro sobre a fabricación de libros e o grupo Teatro Alacrán escenificará a obra "Historias de preguerra". Desde as cinco ata as sete, o debuxante Xaquín Marín impartirá un obradoiro de banda deseñada. Mañá continuará o obradoiro de fabricación de libros e haberá unha representación da compañía "Títeres Cachirulo". Durante tódalas xornadas presentaranse as últimas novidades editoriais do xénero.

Pontevedra


O II Salón Internacional do Libro Infantil de Pontevedra comezará a partir do día 10 de decembro na Cidade do Lérez. Nesta edición a mostra está dedicada especificamente á poesía para os máis novos. Así, o acto de inauguración, no Teatro Principal, será un recital poético no que participarán destacados persoeiros da localidade. Entre os actos previstos inclúese o reparto de coleccións infantís, programas de animación á lectura, obradoiros de ilustración, conferencias, presentacións de libros, encontros con autores, exposicións, música e teatro.

Que che parece esta nova?
31 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito