Agadic aumenta a partida destinada a subvencionar festivais escénicos e musicais

Hoxe publícanse no DOG as bases da convocatoria que repartirá ata 570.000 euros a estes eventos

Un aumento de 25.000 euros respecto ao ano pasado pon nun total de 575.000 euros o orzamento que a Axencia Galega de Industrias Culturais dedica este ano para axudar á realización de festivais de música e de artes escénicas no país. Segundo a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, esta partida dividirase entre as dúas modalidades de xeito asimétrico, dedicando ata 360.000 euros (o pasado ano 350.000 euros) aos eventos musicais, mentres que aos festivais de artes escénicas resérvalles 215.000 euros (200.000 no 2022). As dúas modalidades teñen requisitos diferentes que cumprir á hora de acceder a esta liña de axudas que se outorgan en concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector.

Así, no referente aos festivais de artes escénicas inclúese a unha representación mínima dentro da programación de compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia, que deben recibir o 30 % do orzamento de contratación profesional artística do festival, aínda que pode haber festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto. Este requisito non aparece no caso dos festivais musicais, nos que non se esixe a presenza de artistas de Galicia dun xeito equivalente. No relativo aos beneficiarios, na modalidade de artes escénicas contémplase a posibilidade acceso á convocatoria das entidades locais galegas, cousa que non sucede no caso dos festivais musicais que ademais exclúe especificamente a asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro de recibir estas axudas, destinadas exclusivamente ao sector privado profesional. Entre ambas modalidades tamén existen diverxencias na porcentaxe do orzamento que debe ir destinado ás contratacións artísticas, sendo agora do 30% do solicitable, no caso dos festivais musicais, e do 40% no caso dos eventos escénicos. Algunhas destas cifras e requisitos xa sufriron modificacións na convocatoria do 2022.