Ángel Barros cede 150 cadros ao Concello de Redondela

As pezas incorporaranse ao futuro espazo museístico dedicado ao artista na vila

As pezas incorporaranse ao futuro espazo museístico dedicado ao artista na vila
Ángel Barros e Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, a escenificar a doazón
O Concello de Redondela e o pintor Ángel Barros asinaban este 14 de marzo a doazón pola que o artista cede 150 cadros da súa autoría á institución municipal. Esta obra incorporarase a futuro espazo museístico dedicado a este creador no edificio das Antigas Casas dos Mestres, que comezará a se rehabilitar nas vindeiras semanas.

Segundo sinala o Concello, a obra do pintor exporase nunha zona específica do espazo polivalente situado na planta baixa do edificio. Deste xeito, "o proxecto museístico non será un simple espazo pictórico, senón que está previsto que albergue máis disciplinas e formatos enfocados á historia de Redondela, a memoria e a vida dun pobo".

O documento de cesión dos cadros, que será efectiva cando se finalice a rehabilitación do conxunto, establece que a obra debe ser de acceso público e dirixido ao pobo de Redondela, ao tempo que prohibe a súa comercialización ou desmantelamento. No marco deste acordo realizouse un inventario detallado dos cadros que fan parte deste legado, a detallar tipo de técnica, tamaño das obras, descrición das mesmas e título.