Presentación do proxecto para o claustro grande de Santa María de Sobrado. Fonte: Consellería de Cultura
O Claustro Grande de Santa María de Sobrado, en Sobrado dos Monxes, sufrirá unha intervención para a súa conservación por valor de 1,87 millóns de euros. A Consellería de Cultura acaba de abrir o concurso para desenvolver estes traballos que pretenden "evitar o progresivo deterioro do claustro grande e da fachada e a mellorar a conservación do conxunto arquitectónico".
De xeito máis concreto, o orzamento, que conta co apoio do fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dedicarase a eliminar filtracións e colonizacións biolóxicas na zona, así como a reparar cubertas, restaurar galerías e renovar carpintarías.
No caso da fachada do acceso tamén se abordará a restauración das reixas dos balcóns ademais de solucionar problemas de humidades. Segundo destaca a Consellería "todas estas accións faranse tendo en conta a existencia de fauna protexida na zona, adoptando as medidas máis axeitadas de protección e salvagarda".
Segundo adiantou o responsable do departamento, Román Rodríguez, o obxectivo é abrir á visita pública este claustro, dotándoo de materiais de interpretación e expositivos.



