A Xunta retirará a malla espacial do forte romano de Cidadela

Acaba de sacar a concurso obras de acondicionamento do sitio arqueolóxico

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:
Malla espacial do forte romano de Cidadela. Foto: Lansbricae / Wikipedia

Malla espacial do forte romano de Cidadela. Foto: Lansbricae / Wikipedia

A Xunta retirará a malla especial que cubre a zona excavada do forte romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes). Trátase dunha estrutura de gran envergadura feita con formigón, metal e vidro construída orixinalmente para o claustro da Catedral de Santiago de Compostela, e que a administración autonómica decidiu reubicar no ano 2000 neste importante sitio arqueolóxico de época romana e medieval. A voluminosa estrutura cubría as estruturas exhumadas nas diferentes campañas de investigación e o seu traslado e instalación no campamento romano tivo un importe, no ano 2000, de case 40 millóns de pesetas (máis de 216.000 euros) que incluía as catas arqueolóxicas necesarias para colocar a cimentación de formigón armado e a instalación. Hoxe, o Diario Oficial de Galicia publica unha licitación para o "acondicionamento e posta en valor" de Cidadela na que se inclúe a "desmontaxe da malla espacial", a súa retirada a un almacén e o levantado das zapatas de formigón. O importe da licitación é superior aos 73.000 euros. A Xunta tomara a decisión en 1991 de contruír esta estrutura para cubrir o claustro da catedral de Santiago de Compostela mentres se realizaba unha escavación arqueolóxica de longa duración, ata que foi desmontada en 1998 e almacenada en dependencias do mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Que che parece esta nova?
39 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Catedral, Sobrado dos Monxes, Santiago de Compostela, Catedral de Santiago...