Este sábado, 11 de marzo, o Teatro Colón da Coruña acolle a estrea do espectáculo 'Crisálida' da compañía Caramuxo Teatro que tamén se representará alí o domingo. 'Crisálida' é, segundo a compañía, unha comedia con forma de espectáculo de máscara con catro actores que representan a máis de 12 personaxes, dirixido por Olga Margallo, o elenco está conformado por Anahí Taraburelli, Juan Rodríguez, Laura Sarasola Pontón e Josito Porto. O texto é de Juan Rodríguez e Laura Sarasola Pontóne conta coa banda sonora orixinal de Davide González e o vestiario de Diego Valeiras. A historia pon o foco na mercería Crisálida (un lugar real da cidade herculina), para poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado, cada vez máis dixitalizado. A compañía busca facer unha homenaxe a este concepto de comercio tradicional de proximidade "que crea convivencia e comunidade". "Historias e lugares como a mercería Crisálida, - argumentan- máis baseadas nas relaciones humanas e non só no beneficio económico, deben ser protexidos e recuperados, porque ademais son parte da nosa historia e do noso patrimonio como seres humanos". A montaxe supón a vixésimo quinta desta compañía de teatro infantil e familiar que ten 20 anos de traxectoria escénica.