A historia que nunca se contou do roubo do Códice chega ao teatro

Ainé estrean en Santiago 'Códice-K' unha comedia baseada no suceso

O roubo do Códice Calixtino na catedral de Santiago serve como base real para a nova comedia de Ainé Producións, 'Códice-K'. Este venres, o Teatro Principal de Santiago acolle a estrea desta montaxe, que tamén se representará o sábado 25 de marzo no mesmo espazo. Tito Asorey e Noemi Rodríguez dirixen esta "intrahistoria extra oficial" sobre o roubo do Códice Calixtino a partir dun texto de Manuel Cortés. As actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel de múltiples personaxes para ofrecer moi diferentes puntos de vista sobre esta historia. Ademais, unha DJ dará cobertura sonora e dramática á súa posta en escena. Completan o equipo artístico Banale (escenografía) Russ (espazo sonoro), Laura Iturralde (iluminación), Laura Baena (vestiario) e Laura Mahí (deseño da imaxe). Códice K, preséntase como o máis grande "true crime" da historia de Galicia. En xullo de 2011 desaparece o Códice Calixtino. En xullo de 2012, xusto un ano despois, a policía recupera o libro, agochado nun garaxe. Que pasou en todo ese tempo? Investigacións, sospeitas, seguimentos, interrogatorios… Diso trata Códice K segundo se presenta: do que non se sabe porque nunca se contou. Posteriormente á súa estrea na capital galega o espectáculo comezará unha xira con varias datas pechadas: Cee (19 de agosto), Vigo (9 de setembro) e Rianxo (23 de setembro) polo de agora.

Ligazóns