Unha exposición fotográfica completa o Ano Laxeiro en Vigo

O proxecto Acción Laxeiro amosa o proceso de creación dunha obra polo pintor en 1987

O óleo <i>Aparición</i>. Laxeiro 1987. Fonte: Fundación Laxeiro.
O óleo Aparición. Laxeiro 1987. Fonte: Fundación Laxeiro.
En 1987, a coincidir coa inauguración dunha exposición na compostelá Galería Trinta, Laxeiro realizou ao vivo o cadro Aparición. O fotógrafo Xurxo Lobato retratou aquel momento nunha serie de instantáneas que dan conta do proceso creativo do pintor. Agora, logo de percorrer diferentes localidades do país, a exposición Acción Laxeiro fecha as homenaxes que o artista de Lalín recibiu este ano na fundación que mantén o seu legado.

O proxecto, que abriu as súas portas este 28 de febreiro na sede da Fundación Laxeiro de Vigo, completa as fotografías de Lobato coa exposición da propia obra que se realizou naquela ocasión, un óleo sobre tea de 176 x 146 centímetros. Ademais, recolle outros retratos do pintor realizados por Lobato, como o pintado dunha escaleira en 1993 para o libro Galegos na escaleira editado pola Fundación Caixa Galicia. Imaxes do de Lalín con Uxío Novoneyra, Jorge Castillo, Maruxa Seoane, Felipe-Senén, Abelenda, e do propio pintor no seu estudio de Vigo completan esta mostra.

Acción Laxeiro foi a mostra que inaugurou na Real Academia Galega de Belas Artes as conmemoracións do ano Laxeiro en 2022. Desde a súa presentación, o pasado mes de abril, puido verse en Ferrol, Lugo, Ourense, Lalín e Vilagarcía. O proxecto, comisariado por Xurxo Lobato, dá conta da vertente de pintura en público do artista, que ao longo da súa carreira desenvolveu varias accións creativas deste tipo. A mostra pode verse ata o vindeiro 2 de abril.